Thursday 02 de May de 2024

Apróbanse as bases da convocatoria de axudas de taxi para persoas con dificultades de mobilidade


A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá ás bases da convocatoria de axudas individuais para usar o taxi como medio alternativo para as persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo en Santiago. O Concello destinará 15.000 euros a estas axudas cuxo prazo de solicitude será de dez días hábiles a partir do día seguinte a publicación das bases no BOP. Tamén se aprobou a corrección que permite avanzar no proxecto de acondicionamento do inmoble que acollerá o Centro de Interpretación Rupestre de Villestro (CIRVI) e que será financiado pola Deputación da Coruña.

Poderanse beneficiar das axudas de taxi as persoas empadroadas e residentes no Concello de Santiago, que teñan recoñecida unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, impedíndolles ou dificultándolles gravemente a utilización dos transportes públicos colectivos; aquelas que teñan recoñecida unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade igual ou superior ao 75%, ou as persoas sometidas a tratamentos periódicos, administrados dende calquera centro hospitalario da cidade.

Tamén poderán acceder a estas axudas aquelas persoas residentes no rural que padezan algún tipo de discapacidade, aquelas que presenten determinadas doenzas, ou persoas maiores de 65 anos afectadas polas limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas de transporte público.

As axudas calcularanse segundo os ingresos da persoa solicitante, e ingresaranse nun pago único. Así, as persoas cun límite de ingresos de ata o 150% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), poderán percibir ata 350 euros. Aquelas que ingresen entre o 150% e o 250% do IPREM anual, poderían solicitar ata 250 euros. E as que os seus ingresos se situen entre o 250% e o 300% do IPREM anual terán dereito a un máximo de 150 euros, tamén nun pago único.

Centro de Interpretación Rupestre de Villestro

Tamén se aprobou a corrección que dá luz verde ao proxecto de acondicionamento do inmoble que acollerá o Centro de Interpretación Rupestre de Villestro (CIRVI), fase 01, e que contará cun orzamento de 225.824,51 euros, IVE engadido. O Concello de Santiago solicitou unha subvención nominativa da Deputación da Coruña que cubriría o 100% do financiamento da execucoón obras, debido a que a futura instalación é de interese público para a provincia e o polo seu carácter supramunicipal como eixo vertebrador estratéxico do proxecto ‘Compostela rupestre’.

A edificación sobre a que se vai actuar ten dous andares, cunha superficie total construída total de 273 metros cadrados. Na parcela na que se sitúa, de 4.585 metros cadrados, proxéctase un espazo de aparcamento para autobuses, coches, e bicicletas así como un acceso peonil accesible. Esta actuación levarase a cabo en dúas fases: unha primeira, obxecto deste proxecto, na que se executará o acondicionamento do inmoble. E unha segunda fase, que se desenvolverá máis adiante, na que está previsto acondicionar a parcela.

O inmoble sobre o que se vai actuar foi reformado anteriormente para uso de centro interpretativo, pero o paso do tempo e a falta de uso fai precisa unha nova intervención, xa que presenta deficiencias no seu estado de conservación e carencias nas instalacións e envolvente. As actuacións previstas consistirán en demolicións e movementos de terras ao redor da edificación; cimentacións, illamentos e impermeabilizacións; pechamentos e tabiquería; acabamdos de pavimentos, paredes e teitos; evacuación de augas e drenaxe; instalación de iluminación, ventilación e climatización; carpintería exterior e interior, e mobiliario. O prazo de execución previsto é de 6 meses.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén aprobou a revisión de tarifas dos aparcadoiros do Hórreo, San Clemente e San Caetano, tal e como fora solicitado pola empresa. O último acordo de revisión data do pasado 26 de decembro e a actualización correspondente desde entón, en función do IPC, é do 3,20 %. Tamén se procederá ao axuste das tarifas para 2024 dos aparcadoiros de Romero Donallo e da Choupana cunha suba do IPC do 3,10%, con respecto ás últimas revisións aprobadas en novembro de 2023.

Tamén foi aprobada a achega municipal destinada ao Consorcio da Cidade de Santiago para o ano 2024, que ascenderá a un total de 1.406.216,74 euros.